viernes, 9 de diciembre de 2016

O PRIMEIRO BARCO ROBOT AUTÓNOMO CONSTRUÍDO EN ESPAÑA


  O primeiro barco autónomo robotizado creado en España comeza a partir deste xoves a súa fase de probas na ría de Vigo. A lancha semirríxida Victoria, prototipo do proxecto Ulises, ten doce metros de eslora, catro toneladas de peso, dous motores de trescentos cabalos e unha tecnoloxía punteira.
  O obxectivo desta iniciativa, financiada polo ministerio de Economía e Competitividade dentro do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos da Sociedade, é deseñar e testar a tecnoloxía necesaria para converter calquera embaración nun barco autónomo robotizado, que poida navegar sen necesidade de tripulación. A embarcación, que é a máis grande deste tipo fabricada en Europa, servirá para probar estas innovacións e corrixir e mellorar os sistemas. O proxecto conta cun orzamento global de 1.581.000 euros  e arrancou en 2014 con previsión de que remate en 2017.
  Neste proxecto Industrias Ferri encárgase da integración completa do barco, Cimne ( Centro Internacional de Métodos Numéricos en Enxeñería) da estación de terra e a Universidade de Vigo, a través do grupo DASA dirixido polo profesor Fernando Vázquez, da robótica, control e intelixencia artificial. Nesta ocasión Imatia tamén participa no proxecto subcontratada por Ferri para desenvolver o software de rexistro de datos da embarcación. A idea dos investigadores é que a tecnoloxía que se testa neste barco piloto se poida integrar en calquera embarcación, sexa un petroleiro ou unha lancha de salvamento, sen necesidade de construír unha ad hoc.

                       O drone mariño Victoria.

  Neste sentido, dende Industrias Ferri, que coordina o proxecto, inciden en que a empresa non se convertería nun estaleiro, senón que lle proporcionaría a calquera cliente a posibilidade de robotizar un barco.
  O barco autónomo conta cun láser en 3D similar ao que emprega o coche de Google para recoñecer a contorna e evitar obstáculos e está integrado con cartas náuticas para ter o perfil da costa, rochas, baixíos, zonas de navegación prohibida, etc. Con toda esta tecnoloxía desenvolveron un sistema de posicionamento máis moderno que se une ao resto do equipamento, como un sistema de cálculo de rutas, un sistema de seguimento, un de navegación reactiva que permite reaccionar ante obstácuos inesperados como un barco en ruta ou unha batea, etc.
  O máis avanzado e innovador deste barco é , por unha banda, o sistema de cálculo de rutas e, por outra o sistema de navegación que cumpre o RIPA, regulamento internacional de prevención de abordaxes.
  Os investigadores explican que, aínda que existen outros prototipos de drones mariños, sobre todo deseñados dende o sector militar, as características que reune este barco autónomo galego convérteo en único, xa que é 100% autónomo, con capacidade para navegar e seguir a normativa internacional sen ser controlado por terra.

                    A nave Victoria, o drone autónomo galego.


No hay comentarios:

Publicar un comentario